Respaldo

Nesta II Etapa o galeuro xa non ven respaldado unicamente polos euros que ten o emisor (a Asociación Cultural Fillos de Galicia e agora novos emisores) para convertir ou redimir a moeda, senón que agora ten un valor por si mesmo, dado pola aceptación das persoas e organizacións usuarias como medio de pagamento e de cobro: é dicir, ten un valor en tanto en que un o aceptan como pagamento dun produto ou servizo que lle prestan a outro.

Xa non hai un "banco" emisor único (na I Etapa érao a Asociación Cultural Fillos de Galicia), senón que se amplía esta capacidade ou función, afortalando o sistema. É dicir, aínda que houbese algún problema coa Asociación, mentres se sega servindo como medio de pagamento, seguirá tendo valor.

Límite total de emisión

Ao ser un sistema LETs máis ca un sistema de moeda complementaria, non se considera preciso poñer un límite á capacidade total de emisión, que sempre se poderá ampliar ao entrar máis participantes.

De todos xeitos no caso especial do emisor principal, a Asociación Cultural Fillos de Galicia, por precaución, tomarase o límite total de 10.000 galeuros como punto de referencia que non se debería sobrepasar sen advertir ao Comité Rector dos Galeuros para tomar medidas e analizar se a situación supón algún problema para o sistema no seu conxunto ou non.

Control da masa monetaria total

O potencial problema dun exceso de emisión que calquera moeda pode ter, ao estar toda emisión rexistrada, tanto para cada emisor como polo total deles, póndese estabelecer unhas alarmas que permitan non sobrepasar un límite que devaluaría a moeda (inflación).

Ademais disto contamos con outro mecanismo infalible de aviso: en canto os comerciantes ou profesionais que aceptan galeuros como pagamento polos seus produtos ou servizos comecen a non aceptalos polo seu valor nominal, e os acepten con descontos arbitrarios ou directamente non os acepten máis, quererá dicir que se está a devaluar a moeda por exceso de emisión, e daquela se poñerán en práctica diversos mecanismos de redución da masa monetaria, xa previstos e probados con éxito en diversas experiencias de moeda complementaria.

Tamén se vixiará a taxa de circulación da moeda.

Emisión e filosofía dos galeuros

Tal e como se explica na páxina de filosofía do sistema, a moeda non se emite arbitrariamente (como sucede moitas veces coas moedas de curso legal), senón tendo como única ou principal base a entrega dun traballo útil á comunidade, é dicir, dun verdadeiro valor. Esta é a xustificación da emisión extraordinaria Galeuros 2.0 levada a cabo entre os voluntarios históricos da Asociación Cultural Fillos de Galicia.

Do mesmo xeito, quen ten a capacidade de emitir, ten o deber de aceptar a moeda que el/ela emite, é dicir aceptala como pagamento en calquera tipo de servizo ou produto que venda ou realice. Este é un principio fundamental do crédito mutuo que dá a maior solidez ao sistema.

As entidades ou persoas emisoras tamén teñen o deber de comunicar co Comité Rector dos Galeuros calquera variación da súa capacidade de venta ou traballo que poida minguar a base tomada para calcular a súa capacidade máxima de emisión.