Quen pode usar os galeuros

Aínda que naceron nese ámbito, non é preciso ser membro da Comunidade Virtual Fillos de Galicia para usar galeuros. Abonda con ter unha conta na tenda online de Fillos de Galicia, máis que nada porque a contabilidade faise en parte (a parte online) usando o software da tenda. Así ter unha conta nesa tenda é coma quen ten unha conta nun banco por Internet.

Que obrigas teñen os posuidores de galeuros

Os galeuros pódense recibir e gastar sen ningunha formalidade alén do rexistro na devandita tenda online. Non hai que pagar ningunha cota de entrada ou participación.

A única obriga que teñen é a de manter en todo momento operativa a súa conta de correo electrónico asociado á súa conta na tenda online onde se fan as operacións cos galeuros, xa que sen ese correo non poderán operar con eles.

Desemisión por duplo rebote

En novembro de 2009 aprobouse unha nova norma para regularizar a situación que se produce cando un/ha posuidor/a de galeuros deixa de ter acceso ao seu correo, ou este deixa de existir: no caso de que se reciban cando menos 2 mensaxes de erro ou rebotes (tipicamente identificados co asunto Undelivered Mail Returned to Sender) como resposta a mensaxes enviadas desde a administración dos galeuros (cun intervalo de tempo entre os envíos, superior a 5 días) que indiquen que a conta de correo asociada á conta dun/ha posuidor/a xa non existe, procederase a realizar a des-emisión deses galeuros, mediante un movemento que así o deixará reflectido nos movementos desa conta e na contabilidade xeral do sistema.

Se o administrador dos galeuros ten constancia segura dalgunha outra maneira de que unha conta de correo xa non existe, poderá prescindir do envío desas 2 mensaxes de comprobación cun intervalo de 5 días, e procederá á des-emisión inmediata dos galeuros asociados a esa conta.

A des-emisión consistirá en que os galeuros desa conta serán trasferidos á conta da Asociación cultural Fillos de Galicia.

Polo tanto é moi importante que cada posuidor manteña esa conta de e-mail actualizada, e se a vai deixar de usar, deberá entrar na súa conta en http://www.galeuros.com/tenda e trocala por outra nova, avisando tamén aos administradores dos galeuros.

Os responsables dos galeuros declinan calquera responsabilidade por esta situación e aconsellan a todos os posuidores que manteñan sempre correctamente actualizada a súa conta de correo electrónico asociada.