Utilidade para os particulares

Se tes galeuros podes utilizalos para:

  • Gastar en calquera das tendas, negocios, profesionais e organizacións que aceptan galeuros.
  • Agasallarllos a un/a amigo/a para que el/a os gaste de calquera destas formas.
  • Pagarlle a outra persoa (ou entidade) por algún servizo ou produto (como moeda de troca). Para saber quen acepta galeuros en pagamento polos seus servizos profesionais ou produtos, vai para o Taboleiro de Fillos.org, onde temos unha sección para o intercambio de galeuros entre membros da Comunidade Virtual Fillos de Galicia.

Proximamente temos intención de negociar con outras tendas e servizos galegos para que acepten a nosa moeda como pagamento e irémolo anunciando na sección de Aceptan galeuros para que saibades ónde gastardes os vosos galeuros.

Por outra banda os galeuros hanlles permitir aos seus posuidores ampliar nalgunha medida a capacidade de resistiren a crise económica do sistema financieiro capitalista mundial ou puntuais crises monetarias locais. Na sección de mais informacion sobre moedas complementarias has atopar exemplos moi interesantes do que poden achegar os galeuros.

Utilidade para a Asociación Cultural Fillos de Galicia

As seguintes vantaxes que supoñen os galeuros para a asociación que os creou, son en boa medida aplicables tamén ao resto de Organizacións Participantes nos galeuros grazas á evolución da moeda na súa II Etapa:

  • A convertibilidade permite que por exemplo os socios fornezan con liquidez en euros á asociación, adquirindo galeuros, que máis tarde lles serían reconvertidos a euros á taxa de troco vixente ou que usan para o resto de utilidades enriba mencionadas.
  • Cando se pague en galeuros totalmente un produto da http://tenda.fillos.org , ao recibir coa operación un 10% de galeuros en agasallo, implicará un desconto de facto do 10% ao que pague nesa moeda, fomentando así o seu uso na tenda e a venda dos produtos e servizos da asociación.
  • A posesión de galeuros por un número maior de persoas e en volume importante facilitará os doativos nesa moeda así como o pagamento de cotas, (asemade dos produtos e servizos), sendo por exemplo unha boa oportunidade para ampliarmos o número de socios.
  • A súa capacidade de emisión permitélle financiar total ou parcialmente o pagamento a traballadores, voluntarios, colaboradores e algúns fornecedores.
  • A xente interesada en ter galeuros, tería unha motivación para facer traballos para a asociación e así conseguilos. Ao se ir aceptando en máis lugares a moeda, haberá máis demanda de galeuros e isto beneficiará a Fillos xa que máis xente faría cousas para a asociación a cambio deles: isto permitiría sacar adiante proxectos pendentes e mellorar o funcionamento de Fillos, reactivando o voluntariado da asociación (vid. p.ex. a Campaña "Que che gustaría facer en Fillos?").
  • Mobilizaríanse recursos xerais na Comunidade Fillos de Galicia o cal redundaría na súa consolidación e unidade, relacionando aínda máis aos seus membros.
  • Daría aínda máis solidez e utilidade á Comunidade virtual Fillos de Galicia.
  • Permite unha sinerxia con proxectos derivados de Fillos de Galicia, como a Parcelaria Virtual pola Cultura Galega permitindo que a xente emitise galeuros para mercar parcelas.

Utilidade para outros emisores

  • Ao funcionar como un sistema de crédito mutuo sen xuros implica unha vantaxe inherente: aínda que o emisor teña pouco diñeiro oficial e non lle dean crédito os bancos, participar nos galeuros amplía o seu poder económico e mais a súa liquidez e ábrelle portas para mercar e vender: One economic advantage of mutual credit is that the currency supply is self-regulating–the money supply expands and contracts as needed, without any managing authority. The availability of interest-free loans is a great advantage to members of the system. (Wikipedia)
  • Outras ONGs poden tirarlle un partido semellante ao indicado enriba para o caso da Asociación Cultural Fillos de Galicia.

Utilidade para negocios e profesionais

  • Substitúen a competencia pola escaso diñeiro oficial dos seus clientes, pola cooperación en complementar ese diñeiro con outra moeda, que permite así facer un número maior de operacións.
  • Ten as mesmas vantaxes que un cupón de desconto pero coa mellora engadida de que despois pode servir para o negocio pagar os servizos doutro negocio (para aumentar este atractivo hai que procurar buscar negocios que se fornezan os uns aos outros, creando unha rede de intercambios comerciais).
  • Ademais teñen a seguridad de que os poden converter a euros, á taxa vixente.
  • Suponlles unha diferenciación competitiva, coa boa imaxe por apoiar á comunidade en xeral e á Asociación Cultural Fillos de Galicia en particular.
  • Permítelles fidelizar clientes (como fan tamén os cupóns tradicionais).
  • Publicidade de balde, ao estar incluidos no listado dispoñible online de empresas e comercios que aceptan galeuros. Cando se impriman os primeiros formatos físicos dos galeuros, está previsto que inclúan unha listaxe de lugares onde se poden gastar, co cal cada billete será un folleto promocional do negocio que os acepte.
  • Ademais disporán de balde cada mes de 5.000 impactos dos seus banners nos espazos publicitarios responsabilidade de Fillos de Galicia.
  • Non precisan aceptar o 100% do pagamento polos seus servizos en galeuros: cada un pode determinar o % que lle interesa, ou un certo límite (agora si acepto… agora xa non). Normalmente aqueles negocios que teñen que facer fronte a maiores custos en euros e teñen menor marxe de ganancia tenderán a aceptar menos galeuros.
  • Os custos e traballo que dá usaren galeuros realmente son pequenos en comparación con estas vantaxes. Se os comerciantes aceptan galeuros e nunca os redimen, senón que os empregan para pagar a traballadores ou fornecedores, o custo de participación é 0 para eles.
  • Fornece cun medio de conectar compradores e vendedores que doutro xeito non comerciarían por falta de diñeiro; consolida e amplía redes comerciais a nivel de Galiza e tamén coa Diáspora.
  • Na sección de links deste wiki pódense atopar interesante exemplos de uso empresarial coma a moeda WIR suíza.

Utilidade para Galiza

  • En tempos de crise, unha moeda de uso local permite consolidar os circuitos internos de comercio, ao ser aceptada única ou principalmente en Galiza. É dicir: promove o comercio entre galegos. Isto redunda nunha maior resilencia fronte as crises económicas. O movemento de Cidades en Transición, que prepara a diversas comunidades locais en todo o mundo para resistiren a dupla ameaza da Mudanza Climática e do Teito do Petróleo, ten un dos seus eixos de traballo nas moedas comunitarias. Contribúe a consolidar a auto-suficiencia da colectividade, ao xerar unha economía que permanece en si mesma e se convirte en menos dependente do exterior. Podes ler máis sobre estas vantaxes na nosa páxina de mais informacion sobre moedas complementarias e tamén nas citas de diversos autores especialistas no tema.
  • Ao tempo, permite afortalar vencellos económicos entre galegos de Galiza e da Diáspora, ao ser usada tamén polos emigrantes e os seus descendentes: os negocios entre galegos (tan habituais en calquera lugar do mundo onde se atopen) agora dispoñen dunha moeda de seu para se realizaren. Daría aínda máis solidez e utilidade ao concepto de nación mundial que defende a Asociación Cultural Fillos de Galicia: os galegos de aquí e de acolá poderían funcionar coa mesma moeda, formando un espacio monetario de noso (complementario aos estatais do euro, peso, dólar, etc.) …e a nivel mundial!
  • Mobiliza e fai útil a xente máis nova e a xente máis vella, normalmente con máis tempo ca diñeiro, así como outros recursos infrautilizados.
  • Fornece cun medio para xuntar a xente que precisa ingresos con traballos que precisan ser feitos e para financiar traballos polo ben común.
  • Aumenta o poder de compra da comunidade onde se usa.
  • Dalle á xente máis control sobre o que traballo que elixen facer, de tal modo que poidan elixir máis en función dos seus valores e menos por cuestións pecuniarias.