Introdución

Os galeuros teñen diversas encarnacións, coma a maioría dos tipos de diñeiro. Polo de agora só existe a primeira das aquí descritas: as contas electrónicas en galeuros.

Contas en galeuros

Esta é a forma inicial e máis común de ter galeuros: dispoñer dun saldo ou conta nun sistema electrónico, dun xeito moi semellante a unha conta bancaria. Para coñecer máis sobre o seu funcionamento e características destas contas, consulta a páxina da contabilidade.

Bonos

Este formato foi aprobado mesmo antes da II Etapa (concretamente na VIII Asemblea da Asociación Cultural Fillos de Galicia) pero non chegou aínda a poñerse en marcha. Os bonos en galeuros terán as seguintes características:

  • Os bonos serán unha excepción ao reintegro do 90% xa que serán devoltos no 100% do seu valor nominal (100 galeuros=100 euros), a petición do seu posuidor. Queda anulado o punto 5 da proposta aprobada na VIII Asemblea que falaba dun 10% de interese, xa que unha cousa compensa a outra (interese vs. comisión de conversión).
  • Os bonos serán nominativos (levarán o nome do comprador) pero endosables a outros socios.
  • Levarán a sinatura do presidente e secretario de Fillos, o selo da Asociación Cultural Fillos de Galicia.
  • Estarán impresos con medidas de seguridade.
  • Levarán un deseño especial feito por algún/ha artista colaborador/a.
  • Levarán a data a partir da cal se poden redimir (converter de novo a euros).
  • Pola parte de atrás haberá preimpreso espazo para o endose do bono a outras persoas.

O texto que incluirán, será como o que segue:

~500 galeuros~
A Asociación Cultural Fillos de Galicia, rexistrada co nº 505/00 no Rexistro Central de Asociacións da Consellería de Xustiza, 
Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e mais co nº 568589 no Rexistro Nacional de Asociacións do Ministerio do 
Interior español, e recoñecida como Centro Colaborador da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia comprométese a 
reintegrar a D. ......... o valor de 500 euros correspondente a 500 galeuros a partir da data ....... previa entrega física 
deste documento.

Outras condicións: http://www.galeuros.com

Cheques

Nunha fase posterior dentro da II Etapa, o Comité Rector dos Galeuros entregará aos emisores unhas chequeiras de galeuros para que fagan uso deles en certos establecementos que os acepten (outros emisores, normalmente).

Estas chequeiras permitirán que os emisores emitan pequenas cantidades en cada momento que as precisaren. Os receptores dos cheques deberán envialos despois (escaneados ou dando os díxitos de control do mesmo) ao administrador dos galeuros para que se anote o movemento, restándolle eses galeuros ao emisor e sumándollos ao receptor. Poderán ser endosados.

Os cheques (ou vales) serán emitidos nunha fase do proceso de reforma na que o Comité Rector dos Galeuros considere que xa existe una abonda posibilidade de usalos, e incluirían este texto:

D./Dª............... socio/a nº XXX da Asociación Cultural Fillos de Galicia ou Organización 
Participante no Sistema Galeuros, que emprega o e-mail .......................... como acceso 
ao sistema contable dos galeuros, 
no lugar ............
e a data ....
achega a cantidade de ........... galeuros para D./Dª..........
	Asinado: ....

Como se ten comprobado noutras experiencias de moeda complementaria, o endose destes cheques permite que se usen practicamente como papel moeda, polo menos entre xente que se coñece e ten confianza. Polo tanto é un paso interesante cara ao emprego dos billetes.

En Maio de 2009 está previso lanzarmos unha convocatoria semipública entre os artistas galegos para que deseñen esta primeira emisión de cheques. Velaquí os termos da convocatoria, actualmente en fase de bosquezo pero que serán actualizados para a súa consulta unha vez estea vixente a convocatoria:

Fillos de Galicia busca deseñador para a primeira encarnación física da 
súa moeda complementaria.
=======================================================================

A nosa asociación quere poñer en marcha un chamamento aos deseñadores 
galegos que queiran colaborar nun deseño histórico: o da primeira moeda 
pangalaica, os "galeuros".

En http://www.galeuros.com tedes información sobre a fase actual desta 
moeda, que ate o de agora só existía electronicamente. Pero agora, coa 
vosa axuda queremos dar un paso cara á autosuficiencia económica do noso 
país, creando o primeiro formato físico que sexa utilizable en comercios 
de todo o país e mais da Diáspora.

O que crearemos non será un billete senón un cheque endosable que poderá 
funcionar do mesmo xeito cós billetes.

Entre todos os deseños que recibamos, a nosa Xunta Directiva seleccionará 
o mellor, que será impreso na primeira emisión destes cheques.

O deseño debe cumprir estas especificacións:

+ Tamaño manexable, formato apaisado. Non o temos predefinido, pero 
  podedes tomar de referencia o dos cheques bancarios usuais. Se é proporcional 
  a un A4 podemos aproveitar mellor o papel na imprenta (p.ex. que entren 
  exactamente 10 ou 8 cheques nun A4).
+ Será a 2 tintas: negra e azul.
+ Deberá incluir pola parte de diante o texto indicado en 
  http://www.galeuros.com/doku.php?id=formatos#cheques ou outro que se indique 
  posteriormente.
+ Deberá incluir como elementos ilustrativos ou decorativos:
-- Un peixe, unha árbore e unha vaca (os 3 elementos que Castelao suxería no 
   "Sempre en Galiza" que deberían incorporarse a unha futura moeda galega)
-- A bandeira galega (sen escudo).
-- A bandeira da Nación Mundial Galega. Vid. http://www.nacionmundialgalega.info
-- O símbolo do galeuro. Vid. http://www.galeuros.com
+ O enderezo www.Galeuros.com.
+ Un espazo para un pé con letra miúdo sobre os galeuros.
+ Tamén se poden engadir outros elementos ilustrativos da cultura galega.
+ Pola parte de atrás deberá ter uns cuadriños para o endose (en número de 4 
  ou 5) e se cadra algunha faixa decorativa.

En http://www.galeuros.com/doku.php?id=mais_informacion_sobre_moedas_complementarias 
existen referencias que poden servir de inspiración para o deseño.

Quen sexa seleccionado/a como gañador, poderá asinar o deseño co nome e/ou URL 
nos propios cheques e ademais recibirá 300 galeuros de premio.

Calquera consulta sobre esta convocatoria debe enviarse a secretaria@fillos.org

Os deseños que participen enviaranse tamén a ese enderezo.

Os traballos deben presentarse en formato GIF, PNG ou JPG antes do día 30 de Maio. 
O gañador deberá entregar tamén arquivo fonte do deseño en formato GIMP, Photoshop 
ou o que for. A propiedade intelectual da obra será cedida á Asociación Cultural 
Fillos de Galicia.

Dado que os galeuros deberán ter os cheques feitos antes do seu lanzamento masivo 
público, pregamos se manteña a convocatoria unicamente no círculo profesional dos 
deseñadores e artistas galegos. Pode ser reenviado libremente en ese ámbito.

Billetes

É un formato previsto para a II Etapa dos galeuros, pero aínda non foi posto en práctica. Con el facilitarase un uso máis amplo, sobre todo no sector comercial (tendas, pequenas empresas, etc.) e minguarase a necesidade de dispor de contas electrónicas en http://tenda.fillos.org ou mesmos de asinar acordos escritos para a participación: calquera poderá aceptalos e usalos. Iso si: para dispor da capacidade de emisión, sempre será preciso solicitalo ao Comité Rector dos Galeuros e asinar o correspondente acordo.