Evolución na filosofía dos galeuros

Co paso á II Etapa dos galeuros, dase unha importancia evolución na súa filosofía e obxectivos. O que inicialmente pretendía ser un medio de intercambio entre galegos de aquí e de acolá, no ámbito da Comunidade Virtual Fillos de Galicia, ampliou a súa ollada para recoller todas as posibilidades das moedas complementarias e dos sistemas LETS (ou de crédito mutuo), para beneficio tanto dos galegos de todo o mundo, como doutras organizacións non lucrativas, o pequeno comercio galego e de paso para a mellora dos seus recursos nomeadamente económicos e humanos.

Outra importante fonte de inspiración nesta evolución dos galeuros son os Toronto Dollars, unha existosa experiencia de moeda complementaria local.

Principios do crédito mutuo

Os galeuros agora asumen os principios do crédito mutuo: Cando Xan crea o seu crédito de galeuros para pagar a María, obrígase a aceptar galeuros doutras persoas do sistema nalgún futuro, en pagamento polos servizos ou produtos que el vende. Así, cando fai unha venda e lle pagan en galeuros, el redime o crédito (os galeuros) que orixinalmente emitira.

Galeuros = Valor para a comunidade

Os galeuros de cada un/ha son proba de canto valor ten entregado á comunidade. Se ten un saldo debedor, indica que recibiu máis da comunidade do que achegou.

Así é que agora todo o traballo voluntario desenvolto para a Asociación Cultural Fillos de Galicia será compensado con galeuros, en función de diversos parámetros que dependerán de cada tipo de labor. Isto é conforme ao 13º principio da Economía Solidaria da Red Latinoamericana de Solidaridad Socioeconómica tal e como o cita Thomas Greco nun dos seus libros: “In the Economy of Solidarity nothing is wasted, nothing is volunteered, everything is recycled, everything must be paid for, and everything is divided in equal conditions”

Transparencia

Aínda que algúns exxpertos recomendan publicar á vista de todos os saldos de cada participante nun sistema de moeda complementaria (v.g. Thomas Greco) isto sería de dubidosa legalidade no noso país por vulnerar a Lei de Protección de Datos Persoais. De todos xeitos, as cifras globais do sistema serán dadas a coñecer na páxina de os galeuros en cifras.