noticias sobre a moeda complementaria galega
Desde hoxe pódese consultar na sección de cifras económicas e financeiras do noso wiki un novo indicador (triplo) de actividade dos galeuros, o que vimos en denominar taxa de emisión, circulación e conversión, e que mide cantos dos movementos de galeuros son circulación entre posuidores con respecto ao total de movementos, cantos son emisións de moeda e cantos conversión desta a euros.
Como se pode observar ao longo da historia da nosa moeda a taxa de emisión mantívose bastante constante en torno ao 50%. Isto quere dicir que practicamente por cada emisión había unha circulación ou unha conversión a euros. Por unha banda isto indica solidez, porque as emisións non superan nunca de maneira importante aos outros movementos da moeda, pero por outra banda fainos ver a necesidade de estimular moito máis a circulación entre posuidores e outras entidades, de tal maneira que o galeuro cumpra mellor coa súa función de medio de intercambio económico. Coidamos que aumentar este factor a niveis de 50%, 70% ou superiores deberá ser un obxectivo da nosa nova etapa.
Como se pode ver ata o de agora a circulación non dá superado á conversión, o que quere dicir que non se move máis o galeuro do que se converte a euro, e iso fainos ver que non ten despegado o seu potencial como moeda de intercambio. Agardamos que a nova etapa dos galeuros permita corrixir esa eiva.
Este blog será un lugar para a comunicación das novidades sobre a nosa moeda complementaria e todo o que xira ao seu redor.
Se queres poñerte en contacto con administradores para calquera cuestión podes escribir a dinamizacion ARROBA galeuros PUNTIÑO org
E non esquezas que no wiki dos galeuros tes toda a información oficial actualizada sobre a moeda.
Leave a reply